Category Archives: Dúbidas de lingua

Novos recursos

Seguimos ampliando a selección de recursos gratuítos para a docencia da lingua galega e de contidos en lingua galega presentes nas escolas. Nesta ocasión, engadiuse un novo apartado de Festividades do calendario escolar, onde se poden atopar certos recursos relacionados con esta temática.

Ademais tamén se incorpora un novo enlace sobre valores, incluído nas outras ligazóns seleccionadas, como tema transversal sempre presente que pode traballarse: Dereitos humanos na infancia.

Tampouco queremos esquecer os distintos repositorios de contidos. Neste momento, o espazo Abalar da Xunta logo-abalar-finalofrece moitos recursos didácticos feitos coas TIC e, polo tanto, para traballar dende o ordenador, miles de contidos de todas as materias e distintos niveis.

E por último, tamén un blogue que queremos recomendar polo seu labor como filtro e ferramenta de selección daqueles contidos que se atopan pola rede nos formatos de visualización tales como scribd ou slideshare, ou outros repositorios de contidos. Todos eles ordenados e clasificados. Non o podedes perder: https://nomenterodelapataca.wordpress.com/

Recorda que podes atopar todas estas ligazóns de interese no correspondente apartado da nosa selección de contidos de interese.

 

 

 

 

Advertisements

Pílulas de coñecemento

Cando hai dúbidas concretas sobre a lingua adoitan facerse pequenos apuntamentos a modo de retallos que na era dixital e no eido educativo poden chamarse pílulas.

pilulas

Esta imaxe é un exemplo deste tipo de casos, que vén a demostrarnos o traballo que aínda nos queda por facer neste noso blogue. Así pois, estes contidos foron recollidos por un blogue do centro educativo, tan numerosos e dispares, que ben merecen un apartado na noso menú de ligazóns.

Está en galego

Nesta aventura dos blogues é frecuente apoiarnos uns aos outros. Xa é sabido que é relativamente sinxelo crear un blogue, igual que ter un fillo/a, plantar unha árbore ou escribir un libro; o difícil é manter o blogue con vida, igual que criar os fillos/as, coidar as plantas e publicar as obras. Os blogues como entes vivos nacen, estáncanse, bolen, cópianse, empápanse, corren, miran e morren. Abofé. Por iso é tan importante o alento do resto da comunidade blogueira ou internética. Igual que o ser humano, precisa o factor social para medrar.

O primeiro é un blogue xa existente que estivo pasando unha época de reflexión e que volve con moito brío e contidos de relevancia. Trátase de

dubgal Dúbidas do galego. Debo confesar que unha das miñas ideas cando me metín, xunto co meu colega, neste proxecto, era facer algo semellante. É, polo tanto unha ferramenta moi necesaria e moi fiable na que se poden consultar en liña pequenas e grandes dúbidas da nosa lingua. Sempre recomendable. Moi contentos de que volva a estar ao día.

 

O segundo é outro blogue que acaba de nacer e que ben merece a nosa atención e o noso alento.

en galegoEstá en Galego é a aposta pola tecnoloxía no noso idioma. Trátase dunha recompilación de aplicacións ben de software, de android ou mesmo páxinas webs relacionadas coas TIC, que están na nosa lingua ou ben poden traducirse con facilidade. En palabras dos creadores/as:

Navegamos, vemos cousas xeitosas e como somos así de caprichosos dános por fedellar, traducir e ver de que tamén estean dispoñibles en lingua galega… Se ves algo por aquí que che pareza de interese gózao e divúlgao 😉

Estamos totalmente de acordo con esta última premisa. Xa sabedes. #FF como din en Twitter. Ou mellor #MF.

Se algo do que atopedes aquí, vos gusta, gozádeo e compartídeo.

O polbo, a icona, o cogombro e outras amizades da contorna

En todas as linguas vivas hai discusións e desencontros coas palabras que se empregan. O habitual é que as institucións encargadas de dirimir estes asuntos escollan as mellores opcións segundo distintos argumentos e fundamentos. Pero o feito desta polémica sempre afecta á sociedade por dúas cuestións ben diferenzadas:

  • Por se trataren de termos prestados ou calcados doutras linguas que se están adaptando á lingua receptora, sen sermos conscientes do seu futuro, como é o caso de novos inventos que traen canda si  novas palabras, sexan máis ou menos especializadas, tales como gadget, e-pub, etc. Para este terreo tan amplo traballan arreo a terminoloxía e a neoloxía co estudo e a investigación sobre este fenómeno e coa publicación de dicionarios específicos.
  • Por seren termos que presentan unha longa tradición escrita pero que non coinciden, exactamente, coa fala viva. Pode ser porque están influenciadas polo castelán ou ben porque se deturparon polo uso cotiá. Neste apartado, entrarían a maioría dos castelanismos que se empregan acotío: *bueno, *acera, *pulpo, etc.

Estes castelanismos sempre supuxeron e supoñen unha dura loita na normativización e normalización da lingua galega. Non quero dilatarme aquí explicando minuciosamente estes dous procesos na lingua galega en comparación co castelán. Pero si quero deixar claro que este fenómeno de desencontro é habitual e tamén normal. O mesmo Antón Santamaría ten falado da dificulatade da introdución da palabra beirarrúa, pero que ao final, polo menos, no ámbito escrito, entrase. Outras non teñen a mesma sorte. Sobre todo en escritos de curta duración como cartaces, folletos e notas informativas. Nelas é moi difícil atopar cogombro, polbo, garfo, vasoira ou necrolóxica, no canto das consabidas *pepino, *pulpo, *tenedor, *escoba ou *esquela. Outras pertencen a usos máis formais e aparecen de cando en vez pero, a miúdo, son cambiadas por sinónimos, como é o caso de icona, contorna…

Por iso, lingüistas, filológas e filológos, e demais xente do común esta é unha batalla máis que cómpre gañar. Que se fale galego, que non se perda nas novas xeracións, e que ese galego sexa de calidade e uniforme, que non único. Polo polbo galego!

Logo_Polbo_das_Rias

 

Os grupos consonánticos -ct- e -cc-

Os grupos consonánticos -ct- e -cc- mantéñense despois de a, e, o, por ex.:

  • artefacto, respecto, obxecto, doctorado…

Os grupos consonánticos -ct- e -cc- perden o c despois de i, u, por ex.:

  • dicionario, introdución, produción, delito, conflito…

  • produto, estrutura, conduto…
Excepcións (termos moi cultos) que manteñen as dúas consoantes:
  • ictiografia, ficción, adicción, adicto…

Gebrochene_Schriften 1

O bUSCatermos dispoñible para Android

Hai uns meses fixémonos eco da nova de que tiñamos ao noso dispor o bUSCatermos para Apple. Pois ben, agora comunicamos que acaban de presentar a versión do buscador para os dispositivos Android. Pódese descargar nesta páxina de Google ou ben buscala e instalala desde propio dispositivo.

Consulte termos técnicos en galego e noutras linguas (castelán, portugués, inglés, francés, catalán…) nunha base de datos de máis de 150.000 entradas. Nela atopará:

* Información sobre o termo buscado (definición, área de especialidade á que pertence) * Nomes que recibe noutros idiomas. * Diccionarios ou vocabularios nos que se documenta a información presentada [só para galego] * Valoración (representada por estrelas) da calidade das denominacións presentadas, e recomendacións para o seu uso [só para galego] * Marcadores de termos.logo1bUSCatermos

Enlace recomendado: dicionario e algo máis

portal-palabrasQueremos recomendar como páxina de interese o Portal das palabras, recentemente presentado pola RAG. Este portal ofrece o coñecido dicionario normativo (RAG), coa posibilidade de procura de sinónimos, e outros apartados de utilidade didáctica (recursos educativos para a aprendizaxe)  e lúdica (xogos educativos).

A iniciativa vai dirixida a moitos tipos de persoas, desde rapaces en idade escolar a persoas maiores que teñan interese polo noso idioma e o seu léxico. Tamén cremos que pode ser útil para xente que queira achegarse á nosa lingua aínda que sexa de xeito inicial. O que se precisa para aproveitar este Portal, repetimos, é que se teña curiosidade e ganas de aprender.

Usos do ‘se’ en galego

O se pode desempeñar estas funcións:

1. Pronome reflexivo (cando o obxecto e o suxeito do verbo son o mesmo):

  • O can lávase na auga do río.
  • Nunca se pode combinar co complemento directo e é moi frecuente omitilo:

    • O día de reis si que espertaron cedo.
    • Tomaron un descanso logo da mudanza.

2. Clítico de pasiva reflexa (sempre hai suxeito na oración):

  • Fixéronse xogos tradicionais no campo da feira.

3. Clítico impersoal (cando o verbo carece de suxeito):

  • Véndese piso no centro urbano.
4. Clítico pronominal, aquel que a conxugación necesita: arrepentirse, queixarse, xactarse, etc.
  • Laiábase sen parar.

Longo ou largo?

Estas dúas palabras son correctas en galego, teñen significados distintos e non deben mesturarse co castelán.
Así, largo significa ancho, e de feito son sinónimos. Ex.: A banda larga é o soporte básico de internet.
E longo significa alongado. Nunca se debe usar *alargado.
medidas1

 

Os pobos

celtaA palabra pobo adoita empregarse inadecuadamente en galego pola influencia do castelán, onde significa dúas cousas:
  • núcleo urbano mediano, maior ca unha aldea e menor ca unha cidade.
  • conxunto de habitantes dun lugar que comparten unha serie de características comúns.
Porén, en galego, pobo só se debe utilizar para a segunda das acepcións. Deste xeito, en galego, un núcleo urbano nunca é un pobo, senón unha vila, cidade, e pobo só é correcto para falar dos pobos galego, celta, latino, etc.:
  • O pobo grego era politeísta.
  • Aquela vila estaba próxima ao castro celta.