Arquivo do blog

“A ver” ou “haber”?

ojo-humanoOutra das dúbidas que nos consultades ten que ver co uso en moitas ocasións confuso entre “haber” e “a ver”.

Reparade en que a confusión se produce unicamente porque tanto a forma verbal en infinitivo (“haber”) como a fórmula (“a ver”) se pronuncian do mesmo xeito.

A ver se quedamos un día destes // Haber* se quedamos un día destes

En que casos atopamos a expresión a ver?

1. Como formante dunha perífrase:

Están a ver se poden solucionar o problema (= están vendo)

Comezaron a ver os resultados cando pasou máis dunha hora

[Para saber máis sobre as perífrases,  consultade esta información]

2. Dentro dun enunciado, expresando finalidade (intercambiable con para ver):

Mañá quedarei contigo a ver se damos arranxado o ordenador

3. Como parte dunha fórmula discursiva que expresa advertencia, temor ou sospeita; nun grao maior de intensidade e intencionalidade, pode converterse en mandato ou exhortación (intercambiable con imos ver):

Ten boa conta del, a ver se rompe

A ver se andades con máis coidado!

4. Como parte dunha fórmula de reclamo ou captación da atención previa a unha petición:

A ver, estades colocados?

A ver, atendede

A ver, déixasme pasar?

5. Como parte dunha fórmula de desexo, expectación ou intención (intercambiable por vexamos):

A ver se chove hoxe pola tarde

A ver cando quedamos

A ver se vou mañá arranxar o teu ordenador

A ver se estades aquí ás cinco en punto

A ver se llelo podes levar antes de que pechen

A ver se acertas!

Debemos prestarlle especial atención ao contido do que queremos transmitir. Para isto, vexamos os significados posibles destes elementos:

Haber:

Forma verbal en infinitivo que ten os seguintes significados:

  • ‘Existir’: Ten que haber máis información ao pé da páxina
  •  ‘Ter lugar’: Non vai haber máis fútbol
  •  ‘Estar presente’: Na festa tiña que haber pallasos
  • ‘Saír, deixarse ver’: Mañá non sei se vai haber brétema
  • ‘Pasar o tempo’: Debe de haber dous anos que non sei deles

Substantivo masculino cos seguintes significados:

  • ‘Valor material’: O haber desa empresa é practicamente cero
  • ‘Entradas recibidas nunha conta’: Envíalle á xestoría a relación do haber deste mes
  • ‘Paga, soldo’: Este mes non sei se cobrarei o haber antes do día cinco

Ver.

É parte da fórmula que nos atopamos en a ver. O seu significado non presenta dúbida:

  • ‘Percibir’: É doado ver a mancha desde aquí
  • ‘Visitar’: Foron ver o meu irmán á casa
  • ‘Decatarse’: Despois de explicarllo puido ver o proveito
  • ‘Reunirse’: Soe ver a moza ao saír das clases

 

En resumo:

  1. A expresión a ver recolle, en sentido literal ou figurado, un contido relacionado coa vista ou co que poderá acontecer e quizais vexamos.
  2. Nalgúns casos, a ver pode ser substituído por vexamos (caso 5).
  3. Noutros, a ver pode ser intercambiado por para ver (caso 2).
  4. Noutros, a ver pode ser intercambiado por imos ver (caso 3).

A ver se con esta explicación queda algo máis claro o tema…

Advertisements

“Se non” ou “senón”?

Enviáronnos unha consulta que queremos facer pública polo seu interese.

Como se escribe: Non vaias senón queres ou Non vaias se non queres?

O correcto neste caso é utilizar o “se non” separado porque se trata da suma do condicional “se” e a negación “non”.

Exemplos similares:

Se non tes entrada, non podes pasar.

Non fales se non é para dicirme que me queres.

Utilízase “senón”, en cambio, en tres casos posibles:

  • Contrapoñer dúas ideas coa fórmula Non … senón: Faino ben, non leas as solucións, senón os exercicios. [conxunción adversativa]
  • Comparar dúas ideas para dar énfase (equivale a máis que), tamén co esquema Non … senón: Non fai nada senón molestar. [nexo comparativo]
  • Desbotar unha idea (equivale a agás): Chegaron todos senón Iria. [preposición]

Ante a dúbida:

Se podemos manter o “se” (a condición) e omitir o “non” (a negación), entón debemos escribilo separadamente: Se non tes entrada, non podes pasar > Se tes entrada, podes pasar.

Se tedes algunha dúbida, poñédevos en contacto connosco.

Se non tedes ningunha dúbida, agradecemos moito as vosas consultas, participacións e lectura do noso blog.