Arquivo do blog

A inclusión social na educación III

Falabamos nos dous artigos anteriores do fracaso escolar e a súa prevención.

A continuación falaremos de medidas de intervención baseadas na experimentación e na innovación. Entre as máis coñecidas destacan as seguintes:

  1. Creación dun grupo de aprendizaxe intensiva ao final de Primaria en lugar da repitición de curso que afecta aproximadamente ao 25% do alumnado actualmente.
  2. Agrupación de alumnado en prediversificación.
  3. Aplicación da educación combinada, na cal se aplican medidas dende distintas institucións, como os proxectos de Navarra e Madrid.
  4. Elaboración de plans integrais de intervención en zonas preferentes.
  5. Formación dun Observatorio Xeral sobre Educación Inclusiva.inter

Sen dúbida, entre estas medidas, a máis salientable e rendible é a última. A presenza dun Observatorio, cuxa finalidade fose promover a innovación e a avaliación de prácticas inclusivas, recoller, documentar e difundir as distintas medidas e recursos existentes ou factibles que contribuísen á inclusión social dos colectivos en risco -sexa por factores culturais, sociais, económicos ou doutra índole-, ofrecería un banco de experiencias e datos que fomentaría unha nova dimensión para afrontar este tema dende o intercambio e a reflexión a nivel nacional e internacional.

Advertisements

A inclusión social na educación II

Sobre as propostas para o debate que comentabamos no artigo anterior, imos comezar pola medidas e programas para a prevención da exclusión e a promoción da inclusión dos menores en risco.

Prevención primaria: intervir o antes posible

Na comunidade educativa sabemos que gran parte dos problemas que atopamos en Secundaria xa agromaron, con maior ou menor intensidade, en etapas anteriores. Emporiso, é mester:

  • Deixar de identificar “atención á diversidade” só coa ESO. É imprescindible traballala xa dende as etapas de Infantil e Primaria.
  • Escolarizar as crianzas das familias en risco dende os 3 anos, da man dunha oferta gratuíta, suficiente e de calidade, sobre todo nas zonas desfavorecidas.
  • Experimentar medidas máis eficaces que a repetición do curso.
  • Dotar aos centros con equipos externos de apoio (con variedade e cantidade) e reforzar o papel dos Departamentosde Orientación cun modelo de asesoramento colaborativo e cunha planificación integral dos distintos recursos humanos e materiais a través da rede.
fracaso escolar
Prevención secundaria: intervir aínda a tempo
Para conseguir unha intervención a tempo cómpre ter en conta estes principios:
  • Aplicar os principios de calidade con equidade e corresponsabilidade derivados da prevención, desenvolvemento e  intervención global.
  • Promover a cohesión social e de educación básica para a convivivencia e o traballo na sociedade do coñecemento.
  • Garantir a cobertura das necesidades básicas de aprendizaxe, en base aos obxectivos promulgados por Nacións Unidas.
Ademais consideramos as posibles repeticións (2) ao longo da educación obrigatoria, polas cales o alumnado pode permanecer no sistema educativo ata os 18 anos. Aínda que a mocidade demande ou necesite unha calificación temperá e unha inserción laboral neste período, o ensino non debe nin pode renunciar ao favorecemento do desenvolvemento persoal deste colectivo, pola contra, debe ofrecer vías realistas para a formación e evitar reducir dito colectivo a un “recurso humano para o emprego pouco calificado”. Deste xeito, faise patente a necesidade dunha oferta formativa gratuíta, suficiente e inclusiva para a rapazada de 16 a 18 anos, na cal sepoderían incluir os centros da rede básica e tamén outras institucións da contorna comunitaria (sempre sen ánimo de lucro), que regulados pola Administración poidan garantir e recoñecer, a través dos certificados, a calidade e a utilidade da oferta.

A inclusión social na educación I

Os problemas do alumnado, que rexeita a escola e que “fracasa” nela, adoitan ter que ver con barreiras e riscos que só se poderían superar cunha vida máis fácil e feliz da que teñen, nunha sociedade menos excluínte, cuns estímulos afectivos e intelectuais máis ricos e coa presenza de “educadores e educadoras” que confíen e traballen con eles plenamente.
Agora ben, tamén se precisa unha clara e firme vontade política da Administración para deseñar medidas efectivas que incidan directamente na estrutura do sistema educativo que, en contra do esperado, segue a reducir os apoios escolares.

unescoO risco de exclusión aumenta nos mozos e mozas entre os 15 e os 18 anos. Para eles xa se foron propoñendo programas curriculares nas distintas leis educativas, todos eles cunhas limitacións moi marcadas para a consecución duns obxectivos básicos e esenciais de calidade, equidade e corresponsabilidade educativa.

A partir desta situación establécese un debate que xira sobre as medidas para a prevención da exclusión e para a promoción da inclusión da mocidade que está en risco, e sobre as posibilidades reais e necesarias de innovación e experimentación na atención á diversidade por medio da creación dun Observatorio Xeral sobre Educación Inclusiva.

Ambas as dúas vertentes do debate serán obxecto de desenvolvemento no próximo artigo.