Arquivo do blog

Técnica literaria do abecedario

Chegou o estío. Se cadra tendes máis tempo de lecer, se callar, simplemente, queredes aprender outra técnica creativa literaria, sexa como for, falamos hoxe dun enredo moi produtivo e rendible.abc

Consiste en construír unha ou máis ideas a partir de palabras que sigan a orde do abecedario: a primeira palabra co a, a segunda co b e así sucesivamente. Sobre esta base pódense ir poñendo as limitacións que se estimen oportunas, por exemplo evitar as preposicións, as conxuncións, etc. Para que vexades que non é difícil, velaquí  vos deixamos uns exemplos:

Ante blasfemias corolarias de elefantes finxidos, grandes harmonías ilusas lúen manchas negras, ñáñaras, obxectos planos que roen substancias transxénicas, untuosas, venéreas, xa zoupas.

 

E se estades moi creativ@s, podedes escoller tan só unha letra inicial para todas as palabras ou incluso facer un acróstico pechado, o cal, segundo o nome en vertical, marca as iniciais de todas as verbas de cada liña ou verso. Animádevos, sede creativos e compartídeo connosco.

A técnica creativa do 7+1

Xa que temos nas mans un relato ben xeitoso, o gañador do noso concurso, que mellor idea que enredar con el para ver os resultados dunha das moitas técnicas creativas literarias que existen.

Para levala a cabo necesitamos un anaco do texto, o primeiro parágrafo, por exemplo, e un dicionario (físico ou virtual). A partir do texto en cuestión, comezamos por sinalar o substantivos (tamén se pode facer cos verbos) e buscalos no dicionario para localizar o sétimo substantivo posterior e proceder a cambialos. Ex.: peixe2

TEXTO DE PARTIDA

Desde a ventá da solaina puiden ver como a lúa estendía o seu manto pola boca da ría

TEXTO MODIFICADO
Desde a ventilación do solario puiden ver como a lubrificación se estendía pola manufactura da bocana do ribanco.
É ben sinxelo e divertido. Por suposto, é lexítimo cambiar o xénero e o número do substantivo e as preposicións ou conxuncións, se é preciso. Coa obtención deste novo comezo, xa estamos listos para facer unha historia totalmente nova. Probádea e se queredes compartide o resultado nos comentarios.